04 04 2007:: Os Galeguistas faremoslle, hoxe pola tarde, unha oferenda floral o noso histórico dirixente D. Ramón Martínez López
TEXTO DO TELEGRAMA ENVIADO O CONCELLO DE BOIRO
“Ilmo. Sr. Alcalde de Boiro, o Partido Galeguista felicita efusivamente á Corporación Municipal de Boiro por teren elixido a Don Ramón Martínez López como fillo predilecto da súa vila natal. Coidamos que honrar dese xeito a un boirense tan emérito honra a tódolos boirenses. No Partido Galeguista aprezamos dun xeito moi especial esa distinción porque no seu día foi D. Ramón, xunto con D. Manuel Beiras, quen depositaron o legado da dirección e do futuro do PG nas mans dalgúns dos que estabamos con eles daquela, e que seguimos a estar, TODOS, no Partido Galeguista.” Asinado por Xabier González, Presidente do Partido Galeguista
04 04 2007 :: Na honra de D. Ramón Martínez López, o Galeguista histórico que xunto con Manuel Beiras apadriñou a xeración Galeguista que está a construír o Galeguismo do século XXI :: Artigo de Manuel Suárez
A década dos 80 e a figura de D. Ramón Martínez López, claves para o GALEGUISMO DO SÉCULO XXI
A Concordia Nacionalista que o P.G. asumiu como doutrina no V Congreso, Xaneiro do 1985, foi unha proposta anovadora e orixinal, concordante ca inconformista tradición do noso partido, que supuxo un incómodo reto pra os demais partidos nacionalistas, que lles esplicamos ao Camilo Nogueira e ao Xosé Manuel Beiras e que finalmente éste usou en proveito da súa propia organización
Anxel Casal, Pedro Galán, Arturo Noguerol, Manuel Serantes… non pudo chegar a Alexandre Bóveda; Don Ramón Martínez López mirounos cos ollos brilantes e escachou a chorar. O seu discurso introducianos a nós, un grupo de mozos, a maioría entre vinte e trinta anos, e lexitimabanos como os novos dirixentes do Partido Galeguista naquel día de inverno de 1985. A súa groriosa lista de nomes de Galeguistas fusilados, enunciada con emoción, situabanos no noso sitio: velaí estaban as credenciais do Partido Galeguista, alí estaba a nosa memoria, alí estaba o lugar do noso partido na historia de Galicia.
Collimos aquel testigo sen complexos; a primeira tarefa consisteu en liberarnos da cárrega que moitos nos quixeron impor: a da etiqueta de “partido histórico”, abafado pola morriña polos tempos idos, paralisado no pasado, cas únicas referencias das pantasmas dos devanceiros. A memoria non foi nunca pra nós un corsé que nos coutase, e cando algún vello con ínfulas de pedigree (os verdadeiros Galeguistas nunca se agacharon detrás dese parapeto) nos quixo impor a súa particular visión, promovemos a Fundación Castelao para que poidese ser Presidente; chegamos espresalo con craridade: “Nós somos un partido histórico non porque nos pasemos todo o tempo mirando pra atrás, senón porque hoxe queremos transforma-la historia dos próusimos anos do noso país”. A memoria non foi nunca pra nós un pedestal falso no que subirnos pra reclamar un lugar que non conquistaramos, e cada chanzo que acadamos foi gañado a pulso paso a paso.