
Xosé Antonio Sánchez, Coordinador Xeral do Comité Electoral Galego do P.G. convocou os catro Coordinadores Provinciais (Francisco López –Pontevedra-, Elías Pérez –Ourense-, Suso Martínez –Coruña- e Antonio Varela –Lugo-) para manter, o luns 12 de Febreiro, unha xuntanza de traballo na sede Galeguista de Ourense.
Entre outros asuntos, o Comité Electoral Galego do P.G. abordará diferentes aspectos da loxística partidaria cara as eleccións municipais, entre os que está a constitución dos diferentes Comités Electorais Provinciais, Comarcais e Locais.
Actualmente o PG conta con Xuntas Locais constituídas en preto de 70 Concellos e ten previsto concorrer ás vindeiras elección municipais nun terzo dos Concellos de Galicia –aproximadamente cen candidaturas-.
Para Francisco López, Coordinador Provincial de Pontevedra, “estas municipais converteranse por dereito propio nun fito histórico do Galeguismo xa que, por primeira vez desde a volta a legalidade no 1978, o P.G. concorrerá a unhas eleccións cun número de candidaturas e de expectativas acorde co que realmente é na actualidade: a cuarta forza política da Galicia e a segunda forza nacionalista do País”.
Elías Pérez, Coordinador Provincial de Ourense, valora “extraordinariamente positiva a expansión do P.G. nestes dous últimos anos; estamos a recoller os froitos de ter un proxecto sólido, dialogante, cordial, ubicado no centro do nacionalismo e que é capaz de ser a casa común na que conflúen distintas sensibilidades políticas na procura dun ben común que é a Galicia”.
Para Suso Martínez, Coordinador Provincial de Coruña, “o Galeguismo actual non xoga o equívoco nin á ambigüidade, conformamos un proxecto nacional Galego en idioma Galego que o electorado valora como sólido e unido, unha idea de País que incorpora a voz diferenciada dos concellos pero que non admite nin admitirá localismos que non teñan unha clara vocación de servizo e integración no proxecto global da Galicia, un xeito de ser, participar e estar, no que os personalismos non teñen cabida nin futuro; nunha provincia na que conviven tres das cidades máis importantes da Galicia, para min é un orgullo comprobar que a expansión do P.G. na provincia non está pilotada desde elas senón que ten a súa máxima expresión de futuro nos Concellos do interior e da costa considerados como de ámbito rural; tanto é así que o P.G. ten posibilidade real de conseguir un Deputado Provincial na demarcación de Orde que pode ser clave na futura Deputación de A Coruña”
Antonio Varela, Coordinador Provincial de Lugo, fai unha análise da que se desprende que “o Galeguismo é a forza e a esperanza do cambio en Galicia; estas municipais, que son unhas verdadeiras primarias para o tripartito que vive placidamente instalado no Parlamento Galego, confirmarán electoralmente este aspecto e colocarán o P.G. como un movemento social e unha forza de referencia coa que haberá que contar para vertebrar solidamente á Galicia”