07 01 2007 :: Acto do P.G. en Rianxo, cabodano de CASTELAO
O Partido Galeguista conmemorou en Rianxo o cabodano do pasamento de un dos seus fundadores e dirixentes históricos máis importantes: o irmán Afonso Daniel Rodríguez Castelao.
Hoxe, 7 de Xaneiro, diante do busto que o irmán Daniel ten no Paseo Marítimo da vila, interviron os escritores Dourado Deira e Avelino Abuín de Tembra, así como Francisco López Franco, en representación da Executiva Nacional do P.G. e como Padrón fundador da Fundación Castelao.
A figura e a transcendencia de Castelao fan do irmán Daniel un dos patrimonios esenciais que temos tódolos Galegos e Galegas; pero Castelao é, ante todo, un dos fundadores e dirixente histórico do noso partido. Por respecto e por devoción, os Galeguistas do século XXI, que conformamos unha opción política diferenciada que da continuidade xenuína o seu pensamento político, non pretendemos patrimonializa-la súa figura pero tampouco imos permitir que se reescriba a historia.
O irmán Daniel é de todos, do mesmo xeito que sempre será fonte de inspiración e un dos militantes senlleiros deste Partido Galeguista que, como el soñou, segue en pé 75 anos despois de que Castelao e outros persoeiros, que son parte esencial da historia de Galicia, o fundaran en Pontevedra.
03 01 2007 :: "Cando os tres -PSOE,BNG e PP- sempre son parte do problema e nunca da solución" - Xabier González
Deseñar un marco de convivencia nunca é doado, aínda que o pareza; pero en acada-lo reside a clave da estabilidade e, a través dela, do desenrolo económico e social. O problema é que, case sempre, os debates entre as partes con capacidade de decisión vense limitados pola obsesiva fixación en ter razón cando, por moito que se neguen a admitilo, as verdades e razóns absolutas nin existen, nin se agarda por elas, ni as necesita ninguén; lamentablemente, uns e outros –os de antes e os de agora- esquecen, con excesiva frecuencia, que o seu cometido e a súa función non é outro que procurar fórmulas para que a cidadanía sinta que o seu día a día ten máis sentido que o de limitarse a pagar, directa ou indirectamente, impostos.
Agora mesmo, o debate sobre o texto do III Estatuto de Galicia é un asunto de Estado en mans de demagogos e teatreiros varios que, por moitas e variadas razóns inconfesables, levan convertido na historia de nunca acabarunha cuestión que debería ser consubstancial as necesidades da cidadanía. Pero non, sen que os implicados queiran decatarse oficialmente, a día de hoxe, a reforma do Estatuto da Galicia pouco mais é que un asunto persoal entre tres grupos políticos, cada vez máis distanciado da cidadanía, que nada ten xa que ver nin cos intereses da Galicia nin dos Galegos e no que, pode que sexa tempo de dicilo, ningún dos tres son a solución e os tres forman parte do problema.
Nin populares, nin socialistas, nin o Bloque, semellan querer decatarse de que hai aspectos fundamentais que, dunha ou de outra maneira, quedan excluídos das súas propostas. O máis importante de todos eles é o de asumir que o texto no pode converter en vasalos de unha ideoloxía, nin dos pactos puntuais nin do autogoberno de turno, ós cidadáns da Galicia, que xa non estamos na Idade Media e que non se trata de administrar un territorio para coser a impostos ó pobo mentres a nobreza política equivocase sen ter que afrontar responsabilidades; ó fin e ó cabo, que o tripartito instalado no Parlamento Galego no esqueza que, en grande medida, a historia da Liberdade e dos Dereitos Civís é a mesma que a da loita dos cidadáns por limita-lo poder dos gobernos e, obviamente, a aplicación dese espírito de discriminación positiva en favor da cidadanía é o que fará bo o ruín un marco de autogoberno para Galicia.