Documento sin título

 
Google

 

 

75 ANOS CON PRESENTE E FUTURO

 “O PG FOI BEN IMPORTANTE NOS 75 ANOS DA SÚA EXISTENCIA, E AÍNDA O SERÁ TANTO OU MÁIS NOS ANOS VINDEIROS”

“Nestas datas, nas que fai 75 anos outra xeración de galegas e galegos chamou ós Galeguistas a se constituíren como alternativa política e fundar o PG, chamo a todas e a tódolos que queiran colaborar pra acadarmos cotas de benestar infinitamente mellores pra Galicia a que se unan a nós. Porque o mellor xeito de ser Galeguista e sentir amor pola Terra e axudar pra que medre.”

“Non hai mellor homenaxe ós fundadores que dar continuidade ó seu soño, manter vivo o seu eficaz compromiso con Galicia e a tarefa de traballar sempre por e pra ela.”

“Pra min falar do Partido Galeguista é falar de quen puxo a Galicia no mapa. En efecto, os seus setenta e cinco anos ó servicio da nosa Terra, nos que houbo etapas esenciais e decisivas pra o pobo galego, pois o labor absolutamente transcendental, inconmensurábel, inmarcescíbel, desenvolvido polos Castelao, Bóveda, Otero Pedrayo, Risco, Paz Andrade, Xoaquín Lorenzo e un longo etc., foron quen puxeron os alicerces pra que puidésemos acada-la dignidade que Galicia debe ter como País.

“O termo Galeguismo é asumido por todos como un ben universal pra Galicia por coidaren as xentes que ten significado, e significa, unha actitude de defensa dos mellores valores que temos como pobo. Pero ó socairo deste sentimento social hai algúns que sen responder pra nada ás esencias do Galeguismo, se autoproclaman Galeguistas pra aproveitarse desa boa sona, sabedores de que socialmente, politicamente, ese palabra-definición “vende”.”

“Compre asumir que houbo outras etapas na que a teoría dalgúns galeguistas foi negativa pra historia de Galicia, porque creron de boa fe que o Galeguismo era un valor inmaterial que debía gravitar por riba de calquera opción partidista. Que calquera partido debería ter unha pegada Galeguista -Piñeiro foi o máis caracterizado defensor desas teses-, polo que o partido Galeguista debería disolverse como partido, cousa que felizmente nunca chegou a ocorrer.  Os feitos demostran que aquela posición constituíu un gravísimo erro, pois case levou ó Galeguismo organizado, ó Partido Galeguista, á súa desaparición e significou na práctica un grave atraso político económico e social na Galicia de hoxe.”

“O tino dos responsábeis históricos do PG Ramón Martínez e Manuel Beiras, puxeron a organización nas mans e na fe duns poucos Galeguistas de pro, encabezados por Manolo Suárez, Xabier González, Francisco López “Chesqui” e Elías Pérez, conseguiron manter ó PG como organización -a historia falará algún día da importancia desa posición-, contra os que preconizaron a entrega da organización cara ó BNG -¡que inmenso erro pretender amestrar ó PG dentro dunha organización comandada pola UPG!-“

“Hoxe é unha evidencia cada día con máis pulo social que o PG está chamado a protagonizar de novo un cambio de rumbo na historia da nosa Terra. Un cambio de rumbo que faga que Galicia ocupe un lugar digno no concerto dos pobos europeos. Un rumbo que non sexa dependente nin independente do estado español, senón que participe activamente na construcción dunha España mellor,  cun concerto solidario co resto dos seus pobos, dende a óptica e o prevalemento dos intereses do pobo galego.

“É imprescindíbel facer un PG forte porque resulta indispensábel pra podermos ergue-la nosa Matria, partindo da identidade e das peculiaridades que como pobo temos os galegos -os que vivimos aquí e os que viven fóra-.

“Trátase de poñer ó día a ferramenta que nos leve a un relevante protagonismo político, económico e social a niveis español, europeo e mundial. Trátase pois de construír o Galeguismo do século XXI. Trátase de facermos un proxecto político absolutamente moderado no económico -queremos ós emprendedores galegos como socios do proxecto, porque o noso obxectivo primeiro é o de crear riqueza, o de crear emprego, até situarnos en postos de vangarda españois e europeos-. Trátase de facermos un proxecto político de progreso no social -porque queremos unha xustiza e igualdade de oportunidades pra tódalas galegas e tódolos galegos-.”

“Cara a iso estamos a traballar con plena conciencia de que só seremos unha base pétrea, unha xeración Galeguista clave, no camiño temporal que levará ó noso pobo a outro estadio superior, a outro porvir. Con esa convicción estamos a preparar as bases precisas pra que novas xeracións de Galeguistas se incorporen á militancia e á dirección dun proxecto que nos ten ilusionados polos obxectivos que temos, polas súas posibilidades, e mais polas respostas que estamos a ter; porque o PG xa se ve por moitos como un proxecto máis ca conveniente, necesario.”

“Confeso encantado que me atopo feliz co traballo que estou a desenvolver xunto cos meus aprezados compañeiros do PG nesta etapa política da miña vida. E se ben é certo que me sinto satisfeito da miña anterior etapa no PSdeG-PSOE, compre dicir que o estou moito máis hoxe en día. A diferencia estriba nun proceso político de maduración persoal que me permite ser consciente de que agora estou a empurrar no proxecto que máis lle convén a Galicia. Un proxecto que como mínimo será tan transcendental pra o futuro da nosa Terra como o foi o dos setenta e cinco anos pasados. Nada máis e nada menos…”

Manoel Soto Ferreiro

Secretario Xeral do P.G.


Entrevista a Xabier González, Presidente do P.G.

"Dentro de cen anos haberá Galeguistas que traballarán para que outros Galeguistas continúen o proxecto; ¿hai as mesmas garantías de permanencia para calquera dos proxectos de improvisación política para Galicia que teñen BNG, PSOE ou PP?”

“O P.G. contemporáneo recuperou a súa natural condición de vangarda sociopolítica e a capacidade de influír nas decisións institucionais, aínda sen ter representación no Parlamento ou na Xunta. Iso é futuro, o dos demais é pura supervivencia política á que lle pasa como os iogures: ten data de caducidade e cando caducan é moi perigoso consumilos”

 “A mensaxe chega ó P.G. desde a cidadanía porque os Galegos e Galegas teñen opinión, criterio e intelixencia. Hai un reclamo común a labregos e mariñeiros, a mulleres e homes, a xentes do rural e das cidades, a empresarios e a traballadores, a mozos e vellos, ós que falan galego e tamén os que se expresan en castelán… coincidían moi maioritariamente en que nin os de antes nin os de agora representaban esa eficacia que Galicia e a Identidade Galega necesitan para resolve-los problemas.”

 “Os nosos concelleiros farán política institucional en base a programas e acordos que redunden en investimentos nos Concellos, en calidade de vida e no benestar dos cidadáns, en melloras infraestructurais para a empresa e a industria con especial atención os milleiros de autónomos que sempre son as grandes vítimas das políticas económicas, e tamén nunha práctica de goberno municipal no que a transparencia, a igualdade de oportunidades e os Dereitos Civís aporten aspectos claves de atención, proximidade e asesoramento gratuíto ós cidadáns.”

“A pregunta máis recorrente que me levan feito é se o Partido Galeguista é de esquerdas, dereitas ou de centro. A resposta politicamente simplificada é que somos un partido de centro no económico e progresista no social. Dito iso, o Partido Galeguista é un dos patrimonios inmateriais da Galicia que ten o gran mérito de que sempre foi a casa común daqueles que non procuran medro persoal a conta da súa actividade política e, por outra parte, que teñen arrestos abondo para asumir un compromiso total coa Identidade Galega e cos cidadáns que nela se ven representados”

“No P.G. sabemos convivir e convivimos dentro da máis absoluta cordialidade persoas con visións ideolóxicas persoais diferentes; nos proxectos pasa un pouco como no caso dos idiomas, se serven para comunicarse son útiles e senón serven son todo o entrañables que un queira pero nunca poden formar parte do problema. O importante é que o proxecto político colectivo do P.G. actual é un só porque, a diferenza de outros partidos,  somos capaces de integrar as distintas sensibilidades sen impor maiorías que sempre exclúen inxustamente a razón das minorías”.

“Xa é tempo de facer lecturas intelixentes e realistas, os problemas que ten a sociedade Galega sófrenos exactamente igual os que se definen Republicanos e os que se consideran Monárquicos, os que se senten de esquerdas, de centro ou de dereitas, os que visten traxe e os que andan en vaqueiros; son problemas que nos afectan a todos e ós que hai que procúralle solucións conxuntas.

“Hai moita xente que o único que lle preocupa é ter toda a razón ideolóxica pero, como eu sinto que formo parte da inmensa maioría da cidadanía, o que quero é ser o máis feliz posible sen que ninguén veña de misioneiro e tente domar a miña natural rebeldía; a cuestión é resolver con eficacia os problemas, logo aqueles ós que lle preocupe saírse sempre coa súa e ter a razón ideolóxica que merquen un pedestal e un megáfono para facer mellor o ridículo.”

“No BNG, no PP ou no PSOE hai un xeito de galeguismo con minúsculas que é cuestión de moda porque, na realidade de fondo e forma, uns son marxistas conservadores, outros socialistas e os terceiros son… ¿como o diría?, os terceiros son distintas cousas dependendo de que falen os portavoces do Aznarismo ou o fagan aqueles outros que, sen deixar de ser conservadores ou pancentristas, teñen un cociente intelectual máis alto”

“Na política, as herdanzas son ese pasado que ten a importancia que lles da a capacidade do presente para xerar futuro, o demais son pamplinas dialécticas nas que non vou perder tempo porque teño a vantaxe de que militei toda a miña vida no P.G. que fundaron devanceiros nosos no ano 1.931; o Partido Galeguista contemporáneo non herda nada de ninguén porque é o mesmo partido fundado en 1.931 e que, aínda ilegalizado na Guerra Civil, nunca foi disolto nin deixou de existir”

“Non me incomoda que haxa tantos herdeiros en vida, porque o Partido Galeguista nunca morreu desde a súa fundación no 1.931 e, por tradición fondamente Galega, teño en moi baixa consideración aqueles que queren facerse cargo da herdade antes do pasamento do propietario; en todo caso é un problema deles porque o P.G. non ten culpa de que non se sintan a gusto cos apelidos que teñen e queiran mudalos ou  facelos máis presentables engadíndolle un “toque galeguismo en pequeniño”. “

“A paternidade ou maternidade por comenencia ou estratexia non é un dereito, só é unha argucia para ir os programas do corazón ou para tentar confundir ó electorado. O gran adversario político do BNG non é nin o PP nin por suposto ese PSOE co que semella ter xa un pacto cara as municipais; o adversario político é o proxecto que representa o Partido Galeguista, xa que logo, hai que pensar que é normal que o socio máis cativo do bipartito teña no seu punto de mira aqueles que non pode converter en vasalos e que son a súa principal ameaza” 

“O acordo entre PSOE e BNG para gobernar concellos galegos despois das próximas municipais non é algo que diga eu, é unha percepción da gran maioría da cidadanía. Os Galegos e Galegas nin somos tontos nin comulgamos con rodas de muíño, todos sabemos que non son posibles pactos BNG-PP ou PSOE-PP aínda que se prexudique os veciños.”

“Para dar un exemplo de transparencia política, PSOE e BNG deberían coligarse e facer candidaturas conxuntas nas municipais; pero non, para PSOE e BNG é mais rendible montar o paripé electoral de que representan alternativas diferentes para logo pactar cotas de poder segundo os concelleiros que saquen cada un. Por iso o Partido Galeguista aportará nas vindeiras municipais un plus de democratización da vida política Galega porque abrimos o abano de posibilidades na gobernabilidade de cada Concello.”

“Fai pouco tempo, un alto cargo do Goberno Galego dicíame textualmente que “non están representados porque non queren, se votaran a BNG, PP ou PSOE, si que o estarían”; con esa estupidez institucional non se vai a ningures e case pasa a ser un deber cidadán o botalos das cadeiras que actualmente ocupan.”

“A palabra que escollería para resumi-los 75 anos do Partido Galeguista é “futuro”, porque desde o nacemento e aínda diría que desde a propia xestación, o P.G. é unha aposta segura de futuro, capaz de anovar a súa mensaxe adaptándoa os tempos lle toca vivir a cada xeración Galeguista; ese é un ben que non ten prezo porque nos fai transcendentes alén do espazo e do tempo. Dentro de cen anos haberá Galeguistas que traballarán para que outros Galeguistas continúen o proxecto; ¿hai as mesmas garantías de permanencia para calquera dos proxectos de improvisación política para Galicia que teñen BNG, PSOE ou PP?”


<< Previous 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18 19 20 21 22 23 24 25 26 27 28 29 30 31 32 33 34 35 36 37 38 39 40 41 42 43 44 45 46 47 48 49 50 51 52 53 54 55 56 57 58 59 60 61 62 63 64 65 66 67 68 69 70 71 72 73 74 75 76 77 78 79 80 81 82 83 84 85 86 87 88 89 90 91 92 93 94 95 96 97 98 99 100 101 102 103 104 105 106 107 108 109 110 111 112 113 114 115 116 117 118 119 Next >>

Content Management Powered by CuteNews

Documento sin título

.:: Tabela Galeguista ::.
.:: Videos ::.
.:: Donacions ::.
.:: Tenda Virtual::.

 

- Copyright (c) 2004-09 Partido Galeguista -
contactar
buscador de contidos na sección
buscador contidos antes Decembro 2005
buscador contidos na sección de MOCIONS
buscador contidos na sección de CARTAFOL
INFÓRMATE
AFILÍATE

Webmail GALEGUISTA

webmail

www.partido-galeguista.org é un dominio cedido gratuitamente en usufruto polo seu propietario e titular legal