24 11 2006:: O urbanismo do PSOE, ¿inspiración, vinganza ou política impulsiva da Consellería de Política Territorial?
O urbanismo do PSOE, ¿inspiración, vinganza ou política impulsiva da Consellería de Política Territorial?
Remata de sacalo da manga, a Conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, defende a necesidade da intervención da Xunta en todo o que atinxe a construción na franxa litoral da Galiza a máis de 500 metros, así como un organismo que tutele a construción no noso País.
Xa non é só preguntarlle a Conselleira qué pensa facer coa autonomía dos Concellos; a súa declaración cara a galería é irracional e de escaso rigor polos seguintes motivos:
1.- Corrixe e aumenta a Lei do Solo do Estado
2.- Produce unha discriminación de Galicia con respecto a outros territorios
3.- Causará un gran dano o futuro de desenvolvemento económico da nosa Terra, os empresarios de tódolos sectores que se verán na obriga de desprazar a súa actividade a outras zonas, a creación e mantemento de emprego, ós ingresos por impostos que xera a construción que é un motor económico de primeira magnitude nos países desenvoltos, etc., etc.
4.- ¿Por que só no litoral?. ¿Os ríos, xacementos históricos, muíños, mámoas, zonas castrexas e os paisaxes singulares non deben ter idéntico tratamento?
5.- ¿Que vai pasar cos Plans Xerais vixentes ou os que están en tramitación?
6.- Se os expertos dan por feito o cambio climático, Galicia pasara a volta duns poucos anos a ser un destino turístico de primeira magnitude (mellor climáticamente que a zona mediterránea), ¿como será posible dotar a nosa Terra das infraestruturas necesarias para cubrir a demanda?
Máis que tomar medidas de xeito impulsivo o posiblemente inspirada, debería establecer un Plan Xeral de Ordenación Económica que contemplase as características da Galicia e as ordenase para evitar a discriminación e os desequilibrios históricos, tanto nos aspectos de poboación como no económico, dos territorios do interior con respecto ós do litoral e, dese xeito, evitar a despoboación de zonas potencialmente rendibles. Pero non, a Conselleira semella que prefire que sigamos exportando man de obra as Illas Canarias e ó Mediterráneo.
E tamén resulta curioso, cando menos, que María Xosé Caride teña unha sensibilidade moito maior que certos alcaldes do seu partido, que gobernan ou gobernaron cidades do litoral; non é por nada, pero algún de eses Alcaldes e Concelleiros viven “pegadiños” a praia e, postos a citar, algún alto cargo do Parlamento de Galicia tamén é o responsable máximo nunha gran cidade da costa na que se dan auténticas aberracións no tratamento do territorio.
Cartafol: Pepo Gómez
ASIGNATURA PENDENTE
A última sentencia do Tribunal Supremo, que ten o seu enderezo en Madrid, contra o acordo do goberno estatal sobre o traslado a Barcelona da Comisión do Mercado de Telecomunicacións corrobora, unha vez máis, a falla de vertebración da España post-democrática.
Podemos aceptar e aceptamos que no decurso do proceso “postdemocrático”, certos postulados en canto a cuestións como o Federalismo ou calquera outra fórmula semellante, que figuraban na maioría dos Estatutos e programas da maioría das forzas políticas progresistas, non era oportuno –como tamén lle pasaba a outras reivindicacións- incluílas no Texto Constitucional; como dirían algúns: bastante debate e incluso crispación por non dicir medo provocou incluír o Estado das Autonomías.
Pero a estas alturas,con varias xeracións e décadas de Democracia, semella imprescindible abrir un fondo debate para atopalas fórmulas, desde unha visión europea, de definir ese unitarismo estatal feito a machada que, por outra parte, historicamentenunca forma parte da solución e sempre leva sido o cerne do problema.
Hai unha realidade tanxible a que non podemos subtraernos: unha parte importante da lexislación aplicable tanto na Galicia como no Estado dimana de Leis Europeas que, ademais, son ben aceptadas polos cidadáns; a influencia que agora xa é moita e decisiva, cada ano que pase será máis e irá conformando unha realidade territorial que, máis por intereses partidistas que por realidades xeopolíticas, unha AUTÉNTICA EUROPA DAS NACIÓNS na que os Estados actuais reinarán máis que gobernarán.
Nese deseño de futuro o problema de fondo que propicia a sentencia a que me refería no principio non existiría. A gran dicotomía que se produce, por problemas partidistas-societarios, entre a “capital política”que é Madrid e a “capital económica” que é Barcelona non daría lugar a gran discriminación que, por si mesmas, provoca ó resto dos territorios ou zonas xeográficas e xeopolíticas deste Estado noso que, por activa e por pasiva, máis que o pan noso é o Gólgota noso de cada día.
A min, no eido persoal e no razoamento político, que a sé da CMT –siglas que responden a Comisión do Mercado das Telecomunicacións e non de calquera Compañía Municipal de Transporte- teña acougo en Madrid,en Barcelonaou en Cuspedriños de Abaixo, non me vai reportar grandes beneficios a fin de mes. O que sí me afecta é a desigualdade no trato dos Presupostos Xerais do Estado que, como cidadán Galego, me discrimina e empobrece. Que o Tribunal Supremo teña decisión sobre a ubicación dun estamento administrativo, na miña modesta opinión, é máis propio de calquera película de Groucho e Harpo Marx que da seriedade que ten que ter un país vertebrado. Un Estado, e unha Constitución ou calquera marco legal e Estatutario, serve para algo se lle da ó pobo o que é do pobo e o que o pobo quere... se non é así é que fallan tantas cousas que empezan a existir bases xurídicas e intelectuais abondo para impugnalo.