Estes portais forman parte dunha ampla iniciativa de expansión do P.G. en internet, que contará con webs en varios idiomas, e están destinados a facilitar o acceso internacional a contidos documentais en inglés.
Neste ano 2006, o anel web do Partido Galeguista recibe, en total, unha media de 39.112 visitas ó mes (agora mesmo está preto de acadar as 450.000 no que vai de ano).
Cartafol: Anjo Abelaira (P.G. - Bruxelas)
Lin esta semana con grande lediza cómo o PG continua a dar pasos para cimentar alianzas políticas con outros partidos da Unión Europea. Desexo felicitar aos responsables correspondentes do PG polo seu traballo, e desexo tamén agradecer ao PND o convite feito ao PG para que asistise ao seu III Congreso, celebrado a pasada semana en Lisboa. As relacións internacionais dos partidos políticos son un asunto importante, e sobre este asunto decidín hoxe expresar a miña opinión. Normalmente son pouco amigo de escreber longas novelas que aburren á xente e ninguén lé, mais neste caso tomo o risco de facer unha longa reflexión sobre o que considero un tema de moita importancia. Espero que algúns de vostedes teñan a paciencia de ler esta opinión, e agradecerei calquer resposta ou aportación que desexen facer ao respecto.
PG: “de centro no económico, progresista no social” Celebramos este ano o 75 aniversario do nacimento do PG, e se botan unha ollada ao PG de 1931 verán que a nosa filosofía política segue básicamente a ser a mesma. Daquela, o PG era un partido interclasista e casa común de galeguistas liberais (Otero Pedrayo, Plácido Castro), conservadores (Risco) e o que para aquel tempo poderiamos calificar como pre-socialdemócratas (Castelao, Bóveda). Daquela, o PG era un partido de reivindicacións firmes, mais de formas moderadas, con ambición de ser un partido de governo, e coa vocación de representar os intereses da maioría da cidadanía galega no seu conxunto. A esmagadora vitória de votos coa que se aprobou o I Estatuto de Autonomía de Galiza demostra que o PG era unha forza na que confiaba a maioría da cidadanía galega.
No PG queremos construir o galeguismo do século XXI, inspirándonos na tradición destas groriosas siglas que tanto fixeron por Galiza, e actualizando o ideario galeguista tradicional aos novos tempos que vivimos. Este ideario do proxecto galeguista do século XXI que representa o PG definímolo como “de centro no económico e progresista no social”, isto é: un partido de vocación de governo, moderado, nacido para representar os intereses da maioría da cidadanía galega no seu conxunto. Igual que hai 75 anos, este PG é unha forza interclasista e aberta a todas as inquedanzas, onde habitamos compañeiros procedentes do abano socialdemócrata, compañeiros de tendencias conservadoras, e compañeiros de tendencias liberais. Todos nós compartimos a defensa dos intereses de Galiza desde o diálogo e as formas moderadas.