CENSURA INFORMATIVA EN SANXENXO
O goberno do P.P. de Sanxenxo veta a un medio de comunicación local
O PG de Sanxenxo ten coñecemento do veto dun medio de comunicación local por parte do Goberno do PP. Unha vez máis, o PP confunde partido con equipo de goberno.
O Goberno Local é un ente público, administrador da confianza do pobo posta democraticamente nas urnas, e como tal débese ó pobo.
Se como partido político lle molesta unha determinada noticia, ten todo o dereito de non darlle información do seu partido, pero a información institucional non é propiedade de ninguén e ninguén é quen de secuestrala e decidir a quen conceder o seu favor. Na política hai informacións que gustan máis ou menos ós políticos, en función do que reflexen, pero o que non é de recibo é o de matar ó mensaxeiro cando a mensaxe non gusta.
Se non queres que te critiquen non fagas nada mal, e se o fas, resulta que non eres perfecto: rectifica e faino ben. E se non che gusta a crítica non te dediques á política, fas encaixe de bolillos e punto. Os medios de comunicación tamén se equivocan, ninguén é perfecto.
Se o erro lesiona a túa honra ou engana, aí están os tribunais, que resolvan. Non se trata de coller a xustiza pola man, aínda tendo a razón.
A información ten que ser veraz e plural e os gobernos aceptar as críticas como as louvanzas, e non erixirse en xuíces por enriba do ben e do mal.
Con estas actuacións estase a vulnerar o dereito do pobo a ter acceso a unha información veraz, estase a vulnerar o dereito dos periodistas a exercer o seu traballo, e estase a vulnerar a liberdade de expresión.
Quizais nestas datas en que o xornal El Mundo está editando un coleccionable do Nodo, de parte dalgúns gobernantes se añoran tempos pretéritos e tan acostumados á propaganda favorable, pagada ou non, non soportan a crítica. Pero como a perfección non existe, a crítica é necesaria, incluso resulta enriquecedora. Como partido, editen a súa propaganda, páguena cos cartos do seu partido, fagan o seu medio de comunicación, pero ós que xa existen déixenos traballar sempre desde o respeto e a veracidade, e deixen de considerar o Concello a súa finca particular. Con actitudes prepotentes como esas o que se consegue son pleitos, demandas perdidas por despidos improcedentes, etc. Un cúmulo de presencias nos xulgados que nos custan moitos cartos ós veciños. Ós veciños, non ó PP.
Francisco Estévez
PG Sanxenxo
