DÍA DA GALIZA MÁRTIR
"Sempre Galeguistas"
Os Galeguistas que deron a súa vida ou foron represaliados por defender á Galicia pertencen a ese patrimonio inmaterial e inmorrente do Partido Galeguista que fai do Galeguismo unha das cernas sobranceiras da histórica identidade nacional galega. Ducias de homes e mulleres, militantes do Partido Galeguista e tamén de outras formacións políticas, que deron o seu sangue e a súa vida no decurso da máis violenta tentativa de aniquilación da identidade e da cultura galega dos últimos séculos. O “Día da Galiza Mártir”, de xeito moi especial, réndelle homenaxe as vítimas directas que, como testemuña inmorrente, sobreviven na memoria dos Galeguistas e na historia da Galicia aos seus verdugos.
Nun tempo no que os mártires Galeguistas son obxecto do desexo e sofren tentativas de reescribi-la historia, compre reivindicar que eles son os nosos mártires; que coma nós, son e serán SEMPRE GALEGUISTAS, irmáns e militantes para sempre deste Partido Galeguista que leva moitos anos reclamando a anulación dos irregulares e ilegais procesos político-xudiciais que sufriron e, de xeito inherente, a súa plena rehabilitación.
Este 17 de Agosto, un ano máis, os Galeguistas reivindicaremos, na figura de Alexandre Bóveda, á memoria histórica dos mártires Galeguistas; nunha data tan humanamente tráxica como politicamente simbólica para Galiza e o Galeguismo, que ten un fondo significado na recuperación da dignidade nacional galega.
Consonte co devandito, baixo o lema de “Sempre Galeguistas”, a Executiva Nacional do Partido Galeguista ten previsto o seguinte programa de actos para o “Día da Galiza Mártir”
11:30 horas
PONTEVEDRA:
Monumento Galeguista a Alexandre Bóveda na praza de Curros Enriquez
Ofrenda floral ós mártires galeguistas
Acto que será presentado por Xabier González, Presidente do Partido Galeguista, e no que intervirán Francisco López “Chesqui”, Vicesecretario Xeral do P.G., e o patrón fundador da Fundación Alexandre Bóveda e Vicepresidente do P.G. Manuel Suárez García.
12:30 horas
PONTEVEDRA: Cemiterio de San Mauro
Ofrenda floral a Alexandre Bóveda
A ofrenda rematará coa intervención do histórico militante Galeguista ANTÓN MOREDA, cofundador nos anos cincuenta das Mocidades Galeguistas de Bós Aires, das cales foi Secretario de Propaganda e logo Secretario Xeral. Na súa destacada traxectoria, Antón Moreda Participou no I Congreso da Emigración Galega como delegado das Mocidades Galeguistas e, de volta na Galicia no ano 1960, contacta co colectivo "Brais Pinto" , no que coincide, entre outros, con Raimundo Patiño e Méndez Ferrín e participa na fundación do Consello da Mocedade, do cal foi elixido Secretario Xeral. É militante activo do Partido Galeguista, que lle concedeu a Medalla de Ouro pola súa traxectoria de defensa da terra e do galeguismo.
Como antecedentes históricos, compre lembrar que no ano 1942, os Galeguistas exiliados instituíron o 17 de Agosto como Día de Galiza Mártir ou Día dos Mártires Galegos, co obxectivo de render homenaxe, a través da persoa do Secretario de Organización o Partido Galeguista, Alexandre Bóveda, ás ducias de persoas que deron a súa vida na loita por defender os dereitos da Galicia fronte o franquismo.
Corenta e tres anos despois, no ano 1985, e dando cumprimento ó acordo do V Congreso do P.G., o Partido Galeguista, recuperou politicamente a data e estendeuse a súa simboloxía a tódolos homes e mulleres que, no decurso da milenaria historia da nosa nación, foron represaliados co cárcere ou o exilio ou morreron por defender a Identidade Galega; aquel ano convocouse e celebrouse un acto unitario xunto con outras forzas democráticas galegas, acto do que se excluíu o BNG.