“No Partido Galeguista, na nosa condición de partido galego e como cumpre tanto pola nosas tradicións como pola nosa vocación actual, o coidado, coñecemento e uso do noso patrimonio histórico, artístico e cultural, a recuperación e conservación das nosas tradicións, do noso folclore, da nosa lingua e da nosa cultura en xeral, é un deber irrenunciábel e imprescritíbel.
Dentro deses enunciados o Partido Galeguista asume a especial vocación, a necesidade, de leva-la nosa lingua ós campos da cultura, da administración e da vida social cotiá. Para nós esta premisa é un obxectivo de irrenunciábel cumprimento, xa que a nosa lingua é un dos nosos principalísimos, mesmo esenciais, sinais de identidade.
Xa que logo, tendo como obxectivo político a instauración do galego a tódolos niveis, traballaremos na defensa e no espallamento da nosa fala, cousa que se corresponde co espírito do noso pobo, que foi o principal artífice da súa conservación e transmisión ó longo dos séculos.
Ó mesmo tempo, respectaremos a situación actual dos que falan castelán ou outros idiomas, sen prexuízo de que traballaremos para axudalos a que poidan entrar primeiro e instalarse comodamente despois na nosa fermosa lingua.
Agora ben, de ningún xeito aceptaremos que esta nosa xenerosidade sexa entendida como unha desculpa para que os que se incorporan dende fóra decidan manterse á marxe sen facer ningún tipo de esforzo por entender e usar o idioma galego: a integración dos castelán falantes, ou dos inmigrantes que falen outras linguas, débese facer cun esforzo bilateral de xenerosidade e reciprocidade; facilitaremos a súa incorporación natural e espontánea ó tempo que reclamaremos deles a unha vontade real de integración, que se ten que amosar en primeiro lugar deprendendo galego.
Deseñaremos pois medidas sociais e políticas que conduzan a esta integración.
E conste que non queremos políticas de illamento, que sempre resultan empobrecedoras, en ningún sentido. Estamos nun mundo que cada vez require maiores graos de comunicación, en aspectos técnicos, económicos e sociais, polo que a educación dos nosos deberá contemplar programas específicos de bilingüismo (para podermos empregar en paridade de coñecementos o galego e o castelán), ou mesmo de trilingüismo (coa incorporación ós programas educativos de idiomas como inglés, francés, alemán, etc.)”
Até aquí unha transcrición literal de parágrafos do relatorio político aprobado no derradeiro Congreso Nacional do PG, o IX, no que atinxe a valores esenciais coma son a nosa cultura e a nosa lingua.
Son parágrafos plenamente vixentes para nós que requiren un especial compromiso en función dalgunhas actuacións sociais e políticas que, con pesar, temos contemplado nos últimos tempos en torno o noso idioma.
Por iso o PG quere deixar claro o seu irrenunciábel compromiso de traballar decote para que:
1.- O galego chegue a se-la lingua vehicular sobre a que se asenten as comunicacións entre tódolos cidadáns de Galicia en tódolos ámbitos.
2.- Non se use o noso idioma para agredir con il a ninguén. Nós queremos chegar ó irrenunciábel obxectivo anterior a través do convencemento e da persuasión como métodos axeitados.
3.- Se respecten escrupulosamente ás persoas que entre nós empreguen outras linguas.
No 17 de Maio de 2009, día das Letras Galegas.
Polo Partido Galeguista
Manoel Soto Ferreiro
Executiva Nacional do P.G.