
O domingo pasado fixo 25 anos que Manolo Beiras publicara un artigo esencial para nós, que daquela tiñamos pouco mais de 25 anos e agora andamos polos 50, e para o devir contemporáneo do P.G.
O artigo, publicado no Correo Galego levaba por título “O Partido Galeguista segue a ser unha necesidade histórica” e, como en moitas outras ocasións, Manolo Beiras asinouno como “Eubensei” que, a diferenza do que afirman os que escreben sen ter idea do que din, non empregaba para “ocultarse” senón porque profesaba a difícil doutrina desa humildade que só teñen os mais grandes persoeiros.
E escribiuno en tempos complexos para os Galeguistas, un mes despois de que o manipulado IV Congreso do PG, celebrado en Vigo, decidira por un estreito marxe de 4 votos –e despois de que non se nos permitira asistir a mais dun cento de militantes, sesenta e sete dos cales pertencían a Agrupacións Galeguistas da provincia de Ourense- que debería disolverse e desaparecer mergullado na puxante, daquela, Coalición Galega.
Manolo Beiras e Don Ramón –sempre poño especial énfase en clarexar que non sabería moi ben explicar a razón de que Martínez López foi sempre, para min e para a mini-xeración Galeguista que medrou o seu carón, Don Ramón mentres a Don Manuel Beiras García recibía de todos nós un agarimoso “Manolo” cheo de respecto e fascinación pola súa natural i exemplar humildade-, trasladaron sempre a convicción de que son as persoas as que danlle sentido ós partidos e as siglas; que o Partido Galeguista era grande pola súa historia, pero non ía alén de ser o resultado do esforzo colectivo dos homes e mulleres que formaban parte del no presente e que, sen eles, o P.G. –con todo o peso da súa historia e a simboloxía dos seus inmortais persoeiros- non pasaban de ser dúas letras mais da sopa de siglas e minifundios que perviven, malamente e por puro persoalismo, no eido da política da Galiza.
Tiñan razón, entre o 84 e o 90 –ano no que recuperámolas siglas-, en ningún foro se nos discutiu que os Galeguistas que xuntáronse no V Congreso éramos o P.G., os lexítimos herdeiros e continuadores desa, en palabras de Manolo Beiras, “necesidade histórica” chamada Partido Galeguista. Que non estábamos todos é mais que posible; que algún dos que se tiña –e aínda se ten- por “prohombre” Galeguista rematou saíndo pola porta traseira é moi certo, pero o que é seguro é que todos os que estábamos éramos, e aínda seguímo-lo sendo, Galeguistas.
Ven a fío do devandito a vixencia que ten, agora mesmo, cada palabra dese rapaz ó que chamou Alexandre Bóveda para que quedara no P.G. cando se deu a circunstancia da escisión da Dereita Galeguista, do benquerido Eubensei, do irmán e mestre Manolo Beiras: “O Partido Galeguista segue a ser unha necesidade histórica”…así de rotundo, sen espazos en branco que permitan dobres lecturas, conformando unha mensaxe nítida e precisa…
“Alí onde vaiades, rapaces, estará sempre o Partido Galeguista”díxonos, baixo a mirada cómplice de Don Ramón, mais dunha vez Manolo Beiras e, polo menos no que a min atinxe, aquelas palabras engadían quilos de peso a responsabilidade que sentía. Vintecinco anos despois, a lembranza desas mesmas verbas provócame unha, tan grande como humilde, serenidade; manteño exactamente o mesmo grao de compromiso e responsabilidade co P.G., sen que elo implique renuncia algunha a estar onde realmente está o Partido Galeguista.
Xabier González