
Co desastroso resultado dese invento político que se chamou “+G” feríndome os ollos –200 votos menos en toda Galiza que os que obtivo a candidatura de Democracia Orensana que só se presentaba na provincia de Ourense- e trasladándome, mal que me doa recoñecelo, un sentimento de ter perdido grande parte da miña vida nunha loita, tan humilde como ineficaz, por axudar a construí-la realidade nacional da Identidade Universal que é a Galiza… sen saber moi ben que é o que un ten que facer nestas ocasións, ou diante da evidencia de que se dilapida o capital de 20.000 votos que, con moitísimo esforzo, acadou o P.G. en solitario nas pasadas municipais… repeso e farto do meu propio silenzo diante deste proceso dun ano de destrucción masiva do P.G., de mesianismo que foi minando ás bases e ós cementos do que algún día semellaba que eran os primeiros raios da luz do porvir…
Cando me preguntaron, sempre dixen que o P.G. atopaba a súa razón de ser no camiño en solitario, que as coalicións feitas en plan Santa Compaña de almas en pena tiñan moito de epílogo –ou incluso de epitafio- e nada de prólogo. Porque, que ninguén o esqueza e que ninguén traizoe o acordado, o Galeguismo voltou no 2004 a area política para camiñar como P.G., para ser fiel as súas ideas, para construír unha identidade renovada na que tiñan cabida aqueles que quixeran vir pero que non estaba deseñada para confluir en inventos electorais… xa que logo, cando me preguntaron, sempre dixen que NON –en maiúsculas e sen dúbidas- a “coalicionarse” porque, se fora certo que había tanta coincidencia, había abondo espazo para que atoparan acougo baixo as siglas do P.G. todo-los que profesaran de certo o credo Galeguista. Pero non, había que reinventar mais e mellor para seguir facendo o mesmo: un traxe cosendo remendos que, se se mira con sensatez, sirve tan só para vestir espantallos e, por decoro e decencia, non é axeitado para ir en representación da Galiza a ningún lado.
Inevitablemente teño que lembrarme do punto de inflexión do que xurdiu este camiño errático que hoxe trai estas lamas… de que tiven, no seu momento, moitas esperanzas postas no IX Congreso do P.G., na dirección que saiu de Monforte, na xeración nova que se albiscaba e que debería substituirnos aqueles que levabamos, en sentido literal e sen empregar eufemismo algún que suavice a expresión, excesivo tempo sendo o P.G.; como tamén lembro que dixen mais de unha vez –mentres percorría o camiño que elexín cara a militancia de base- que ise IX Congreso ía levarnos, a nós, ós Galeguistas, das sombras á luz…
E hoxe, despois de que se dilapidara o capital electoral do P.G., ¿qué temos que facer?.
¿Pedir responsabilidades?, coido que non porque –por acción ou por omisión- responsabeis somos todos.
¿Esixir dimisións?, semella que o problema vai alén de nomes e a solución non se atopará senon se mudan os hábitos de traballo político tanto dos que están como dos que queren estar.
¿Mirar para outro lado amparándonos en demagoxias de mercadiño ou diatribas varias sobre o moito que se aprende dos momentos difíciles?, pois coido que, se eso acontece e escoito lecturas positivas, eu non vou prestarme a chistes macabros, veñan de quen veñan.
¿Convocar de xeito regular o X Congreso?, tampouco vai servir de moito se antes non se celebra unha Conferencia Nacional, aberta a todolos militantes do P.G. que queiran asistir, na que os Galeguistas que o desexen renoven o seu compromiso e marquen unha liña a seguir que convirta o Congreso nun ACTO POLÍTICO ÚTIL capaz de transforma-la decadencia e o fracaso actual en esperanza de porvir. Pode que este paso previo ó X Congreso sexa a única solución e a última oportunidade de supervivencia do P.G. como forza política diferenciada.
Certamente é posíbel que haxa outras vías, incluso mais axeitadas, das que non me decato: pero como militante de base comprometido sí teño o dereito, o deber e o poder, de esixir unha inmediata corrección da situación que, como primeiro resultado, una ós militantes Galeguistas nun único obxectivo común e irrenunciable: o Partido Galeguista.
Son tempos de tomar decisións e tamén de dicir todos xuntos: “¡basta!, ¡ate eiqui chegamos!”. Eu defendin, defendo e defenderei, sempre esa unidade que xurde do compromiso leal de todos –sen excepcións-; se iso non é posible, se a dirección a seguir é o sectarismo e a autocomplacencia, se non se adoptan medidas eficaces que fomenten o diálogo e a unidade de acción de xeito inmediato, PRESENTAREI A MIÑA BAIXA IRREVOCABLE COMO MILITANTE DO PARTIDO GALEGUISTA. Non é unha arroutada, é algo–como non pode ser doutro xeito despois de 32 anos de militancia activa- moi meditado que ten que ver coa lealdade e o compromiso para con todos os irmáns e amigos cos que levo compartido esforzos, traballo e esperanzas, sempre baixo a bandeira Galeguista… sempre por Galiza… sempre orguloso dese NÓS, tan pouco persoalista e tan coleitivo, que xuntos conformábamos.
Xabier González