Aínda temos nos ollos o cadaleito branquiño de Mari Luz Cortés. A súa morte xerounos a todos fonda dor e impresionounos a talla e serenidade do seu pai, pastor protestante xitano. Non parece éste un tema prá portada da web dun partido político, pero non imos esquencer que estamos na política pra dar resposta ás necesidades da xente, e as humanas non son menos cás económicas, apesares de que pasamos demasiado tempo con éstas; non é bo político o que non se achega ao corazón das persoas.
Hai unha pregunta que nos desacouga cada día máis: ¿Podía terse evitado a súa morte? Agora sabemos que o seu presunto asasino tiña pendente de cumprir unha condea por abuso da súa propia filla dende o ano 2002, pero campaba ceibe polas rúas sen que, asegún indica a policía, constase unha orde xudicial de detención. O Consejo General del Poder Judicial está a revisa-las causas desta situación incomprensible e inaceptable e decidirá, non imos adiantarnos nós.
Pero xorde unha reflesión que tódolos cidadáns compartimos e ninguén se estreve a presentar: ¿E logo os xuíces non deben dar conta dos seus erros? Os xuíces son falibles, equivócanse por veces; xa que logo, están sometidos ás mesmas debilidades cós demais mortais e deben respostar das súas decisións igoaliño cós demais cidadáns, distinguindo, sen dúbida, entre os erros inevitables e os erros por neglixencia. De feito, así acontece cos médicos ou cos arquiteutos: poden cometer erros que teñen trascendencia mesmo na morte de persoas –como pudo ter sucedido no caso de Mari Luz–; nuns casos poden ser inevitables, pero noutros pode haber responsabilidade penal i en moitos máis, civil.
¿Por qué semella que os xuíces están por riba destas servidumes e os seus posibles erros non lles levan a ter que asumir as consecuencias igoaliño ca, por exemplo, un médico? ¿Por qué a neglixencia médica se paga duramente e un xuíz non paga igoal a súa? Non paga igoal primeiro porque no máis estremo dos casos quen o xulgará será un corpo formado por xuíces coma el, o CGPJ –se se seguise o mesmo criterio, quen debería xulgar os erros médicos é o Consello Xeral de Colexios de Médicos–; segundo, porque non temos constancia de que algún xuíz pague con cadea as súas neglixencias; e terceiro porque os médicos teñen que respostar no seu caso con indemnizacións elevadas que pagan do seu peto ou do seguro de responsabilidade civil que deben ter contratado, pero os xuíces escapan a estas consecuencias. ¿Por qué os xuíces non pagan do seu peto as súas neglixencias? ¿Por qué non están obrigados a suscribir un seguro de responsabilidade civil?
Non estamos a pór aos xuíces no ponto de mira, deseguro que a inmensa maioría actúa con plena responsabilidade, polo que deberían ser eles os primeiriños en reclamar someterse ao mesmo marco cós demais cidadáns. Rexeitamos os intentos de controlar ao poder xudicial dende a política, mesmo desaprobamos o xeito de eleción do seu Consejo General del Poder Judicial, que hoxe está sometido ao control político; reclamamos que os propios xuíces nomeen ao seu órgano disciplinario, e ca mesma convición reclamamos que asuman as consecuencias das súas decisións ou omisións co mesmiño rigor cós demais mortais.
Aínda se se adoptan con valentía criterios como os que sinalamos, pra os pais de Mari Luz non haberá xa solución posible; pra outras neniñas coma ela, probablemente si.