Nas recentes eleccións xerais asistimos a unha polarización do voto que supón a redución da presenza dos partidos non maioritarios; esta concentración do voto implica unha menor riqueza na espresión da vontade popular, que, de xeito natural, debería amosarse diversificada. Non é bo que a poboación vote con criterios de mal menor ou en contra dun partido. Tampouco é bo o actual sistema electoral, que promove que os deputados dependan máis do aparello de partido que elaboura as listas pechadas, ca da poboación á que deben representar; esto permitirá que se sigan producindo, por disciplina de partido, apoios de deputados galegos a resolucións claramente prexudiciais pra Galicia.
O que tén de positivo a distribución de escanos é que ningún partido tén maioría absoluta e requeriránse pactos parlamentarios (non é probable que se produzan pactos de goberno), algo normal nunha democracia. Partidos nacionalistas como o PNV ou CiU, con presenza significada, poden gañar así protagonismo e influencia real na política estatal; non é este o caso do Bloque, que semella ter acadado o seu teito, apesares de contar ca avantaxe de seren a única forza nacionalista que se presentaba a estas eleccións no noso país.
Esta situación fai evidente a necesidade de contar en Galicia cun partido nacionalista propio, moderado e de centro, con capacidade de pacto, non dogmático, que sexa quén de captar o apoio de amplos sectores da sociedade galega, que o voten non como mal menor, senón dende a convición de quen sinte que ese é o seu partido, o partido nacional de Galicia, o Partido Galeguista.
Xa que logo, o Partido Galeguista, consonte co seu anunciado compromiso de acudir dende agora a tódolos procesos electorais, comprométese a seguir polo miúdo a acción do goberno español, nomeadamente nas actuacións referidas a Galicia, e a traballar pra promover a confluencia de tódalas sensibilidades xenuinamente galeguistas, moderadas e de centro, pra construír unha alternativa real que lle outorgue a Galicia a presenza política que lle corresponde no entorno peninsular.