
“Estaba previsto desde a data no que se celebrou o oitavo, ratificado polo Consello Nacional en Xullo desde mesmo ano e convocado formalmente pola primeira Executiva que se celebrou despois; a celebración do IX Congreso sempre foi concibida, desde a Dirección Galeguista actual, como unha data clave que marcará un punto de inflexión na construción dunha alternativa Galeguista con capacidade real de goberno na Galiza.”
“Esa conciencia e ese concepto de transición do Galeguismo, desde as sombras da década dos noventa á luz que se albisca no século XXI, lévanos esixido algúns esforzos que non estaban previstos inicialmente no guión pero que teñen servido como proba de fortaleza. Nos últimos tempos, nós, os Galeguistas, aplicando ese concepto de elegancia política que tanto valoramos, fomos soltando lastre discretamente ou regalando pontes de prata para que se foran independizando do P.G. aqueles ós que non soubemos explicar, ou non quixeron entender, que entre Galeguistas e “galleguistas” hai abondo diferenzas como para que os primeiros militen no P.G. e os segundos procuren acougos políticos mais acordes coas súas sensibilidades ou patróns políticos.”
“É imprescindible que o proceso congresual dun partido político serva para dinamizar a militancia porque, en si mesmo e como parte da actividade normal dunha formación política, os Congresos teñen tres obxectivos básicos: actualiza-la mensaxe, adapta-la praxe política e renova-la composición dos órganos de dirección do partido. Xa que logo, unha formación política que non se axita nestes procesos traslada unha mensaxe evidente de esgotamento de forzas e incapacidade para xerar alternativas internas e, como consecuencia lóxica, de presentar a sociedade un proxecto cheo de vitalidade e tan capaz como a sociedade demanda daqueles que verdadeiramente conforman alternativas sólidas.”
“Que a militancia dun partido ferva de inquedanzas é un síntoma inequívoco de saúde e un excelente agoiro de presente e futuro porque, se a lealdade é a norma de conduta, cría un entusiasmo e unha enerxía que para nada colisionan coa estabilidade que debe manter, sempre e en toda ocasión, un proxecto crible. Craro está que unha cousa é participar da excitación leal e outra moi distinta converterse en axitador contumaz”
“Combinando firmeza con diálogo, transparencia absoluta nos procesos que garanta o dereito a información veraz e a soberanía de decidir as liñas de actuación política ou a elixir e ser elixidos para aplicalas que teñen tódolos militantes do P.G., serenidade e normalidade na adopción dos deberes que emanan das diferentes responsabilidades de dirección do P.G. e de organización do proceso, faremos posible que o IX Congreso vaia alén do mero relevo ou substitución de algunhas fotografías na páxina web. Mudar algo para que todo siga exactamente igual ten unha escasa utilidade sociopolítica, esgota ós proxectos, enterra as alternativas partidarias e condea, cara a memoria histórica, aqueles que míranse o espello con indisimuladas ansias de sentirse e pensarse líderes ou aspirantes a se-lo.”
“Ter aspiracións de entrar ou decidir saír son sempre decisión persoais que poñen a proba a quen as adopta; nunca será o mesmo entrar enganando ou saír por xubilación democraticamente obrigada, que facelo coa verdade e cun proxecto por diante ou deixar paso con toda a humildade e a convicción de que os sucesores aportarán mais cousas e serán capaces de mellorar en moito o proxecto. Por moi imprescindible que pareza ninguén o é, afortunadamente o mundo segue xirando aínda que haxa que bote man dun espello e, fronte da súa imaxe refrexada, cavile que a súa traxectoria ou currículo existencial é tan indispensable que constitúe unha aportación vital sen a que todo irá a pior.”

“Desde sempre creo nos equipos de traballo, seméllame un xeito eficaz de optimiza-los recursos e de garantir que a democracia interna presidirá tódalas decisión dun partido político; un equipo de dirección partidaria aporta ese plus de fraternidade que xurde da igualdade participativa, alimentando o verdadeiro significado das decisións colexiadas e incorporando valores colectivos engadidos.”
“No IX Congreso, o P.G. dará un paso adiante exemplar porque hai que ter en conta que, algo insólito na política partidaria nuns tempos nos que o autoritarismo partidario prima sobre a democracia participativa, a idea da supresión do cargo de Secretario Xeral e a adopción dunha fórmula de dirección partidaria en equipo xurde precisamente do actual Secretario Xeral do P.G. Ese desexo real de non perpetuarse nos postos, de apoiar a renovación da teoría, praxe e dirección partidaria, é un activo político único que a fai moito mais grandes politicamente ós dirixentes e afortala sen lugar a dúbida algunha o proxecto.”
“O que está claro é que hai preceptos que non están suxeitos a interpretación, entre eles están os de que o P.G. ten un proxecto político o servizo da Galicia, inequivocamente ideado e escrito en Galego e para os Galegos e Galegas, no que a soberanía de decidir reside nos militantes de base e, como engadido de extraordinaria importancia, no que calquera dirección partidaria ou cargo electo son servidores convencidos.”
“Subscribir, sen reservas, a idea expresada na web do P.G. de que “Tódalas voces Galeguistas xuntas nunha soia voz colectiva facemos P.G.” e, o que é mais importante, FACEMOS GALIZA. O IX Congreso Galeguista ten a oportunidade histórica de vertebrar definitivamente ó Galeguismo, de preparalo para interactuar coa sociedade dun xeito realmente efectivo, de consagrar un xeito leal de facer traballo político desde o respecto as opinións individuais cando estas son capaces de integrarse na vontade colectiva dun proxecto Galeguista común que atopa a súa verdadeira fortaleza na diversidade interpretada en clave de lealdade política.”
“Como anunciei xa fai mais de un ano, co IX Congreso chega o momento do meu retorno a militancia de base Galeguista; é unha decisión antiga e sen volta atrás, co absoluto convencemento de que aqueles que elixan os militantes para recolle-la testemuña serán os mais cualificados para dirixir outra etapa mais deste Partido Galeguista que, a pesares de tódolos pesares e das moitas travesías do deserto, vai camiño de cumprir un século ó servizo desta nación, que no meu interior sempre concibín e sentín independente, chamada Galiza.”
