
“Por primeira vez na súa longa historia de 76 anos de existencia, o Partido Galeguista acadará representación directa nos Concellos da Galicia; en si mesmo, isto é un fito histórico porque o P.G. deixa de ser o mellor compango electoral para pans resesos e da un paso definitivo cara a recuperación do espazo Galeguista como opción definida, independente e esencial para a vertebración política deste País e de entornos próximos como o son a Unión Europea e España.”
“Seremos, con seguridade, a formación política galega que mais medrará en representación municipal; como tamén seremos a única proposta que é capaz de xunguir nun mesmo proxecto a independencia municipal coa unidade de acción intermunicipal nun proxecto común e consolidado para Galicia.”
“Estas eleccións quedan históricamente marcadas pola desigualdade e a lexitimación do despilfarro dos cartos dos contribuíntes en beneficio daquelas opcións que están no poder, ou gozan de patente de corso financeira para facer o que lles ven en gaña. Non é normal que o tripartito que cohabita en estado catatónico no Parlamento de Galicia gaste en conxunto, de xeito directo ou indirecto, uns 40.000.000 de Euros, dos que na inmensa maioría, investigando en serio e se houbera o mais mínimo interese nas instancias de control político e xudicial, podería atoparse relación con orzamentos da Xunta ou dos mesmos Concellos conformando un todo contable de facto, o cal é, ademais dunha malversación de fondos que vai alén da mera sospeita, unha perversión do sistema democrático porque están a empregarse cartos públicos para desinformar.”
“Con eses seis mil millóns das antigas pesetas poderíamos atender as necesidades de mais de 5.000 familias Galegas, ou construír mais de 1.000 vivendas para familias de renda baixa, ou subvencionar un mínimo de 300 Iniciativas Locais de Emprego que crearían uns 3.000 postos de traballo, ou reducir nun 30% as listas de espera do SERGAS, ou crear un Polígono Agrario en cada provincia para aproveitar os recursos endóxenos, etc, etc.”

“O 28 de Maio o P.G. empezará a organiza-la súa axenda de traballo cara as próximas Eleccións ó Parlamento Galego, das que sairemos como a forza que determinará o próximo governo da Xunta de Galicia. A principal tarefa que temos diante é a de incorporar a vida política partidaria a xeración de xoves líderes Galeguistas, que amosaron de xeito sobresaínte a súa capacidade nesta campaña das municipais. Este ano 2007 tiña, na nosa folla de ruta, dous apuntes moi importantes: por unha beira estaban as Eleccións Municipais, pola outra a celebración do IX Congreso do P.G. que pechará a transición da sombra á luz.”
