
1.000.000 de Galegas e Galegos, arredor do 40 % do censo electoral da Galicia, censados en trinta e tres concellos da nosa terra, contarán coa GARANTÍA DE FUTURO para o seu concello que representa a posibilidade de VOTAR GALEGUISTA.
Os máis de 600 candidatos a concelleiros do Partido Galeguista nas Municipais de Maio non son unha “expectativa” senón que REPRESENTAN A ESPERANZA DE MELLORA DA VIDA MUNICIPAL fronte á ineficacia, á conflitividade, ó escurantismo, ós reality-shows protagonizados polo tripartito PSOE-PP-BNG e a política de zapping e karaoke –porque os concelleiros “populares”, “socialistas” e “nacionalistas” están manexados con mando a distancia desde Madrid ou Allariz e, sen que se coñezan excepcións, cantan letras ou asubían músicas municipais teledirixidas das que non son autores- que ten o mérito histórico de ter colocado a tódolos concellos da Galiza no vagón de cola de España e Europa.

As mulleres e homes Galeguistas que concorren como candidatos nestas Municipais de Maio asumen o compromiso común de levar diálogo onde só hai confrontación, eficacia na xestión e na administración onde agora mesmo non se perciben máis que manexos e intereses creados, realidades posibles onde hai costume de prometer moito e cumprir nada, e voz e opinión dos cidadáns onde agora mesmo hai falla de transparencia e escurantismo.