O empresario estradense Orlando Villamayor será o alcaldable do Partido Galeguista (PG) en A Estrada nos comicios municipais do próximo 27 de maio. Presidente da Asociación de Empresarios de Lagartóns e Zonas Limítrofes, vicepresidente da patronal de Toedo e propietario das empresas Discolam e Frisegal -de lambetadas e de alimentación, respectivamente- aos seus 41 anos foi electo como candidato do PG á Alcaldía por maioría asemblearia e onte foi presentado como alcaldable en A Lagoa Sacra.
Villamayor tamén estivo arroupado polo presidente e o secretario xeral da executiva nacional do partido, Xabier González e Manoel Soto; o coordinador do PG na provincia de Pontevedra, Francisco López "Chesqui", e o secretario de Implantación do PG, Roxelio Míguez.
Xabier González xustificou a presentación de Villamayor en A Lagoa Sacra destacando que non é "unha excentricidade" senón un intento de establecer unha especie de conexión entre o estado da Galicia interior e a clase política.