|
O PARTIDO GALEGUISTA
HOXE
construindo o Galeguismo do
século XXI
Posiblemente non teña habido outro caso na historia na que unha opción
política leve sufrido tantas agresións e tentativas de espolio como
o Partido Galeguista, especialmente nos últimos trinta anos.
Recurrindo a unha memoria histórica acomodada a intereses alleos,
que é amnésica con aquelo que non convén lembrar, do Galeguismo
lévase tentado manipular todo: a súa terminoloxía sociocultural e
política, os seus mártires e represaliados, ós seus persoeiros, e
incluso a súa propia liña política e historiografía. O método e a
teima sempre foi trocar a incómoda forza do substantivo
“Galeguista” por un cómodo e adaptable adxectivo que, empregando
a mesma palabra, permitira a súa instrumentalización por tódolos
que, marxinando a un segundo plano ou esquecendo as ideas e a ética
do Galeguismo, buscaron e buscan os beneficios da estética mediática
que lles da empregar o xentilicio “galeguista”.
Pero non, o substantivo
"Galeguista" é
algo que ten forza real, independente e individual, algo importante,
fundamental e esencial; mentres que o adxectivo
"galeguista" (coa minúscula inicial que levan tódolos
adxectivos) non
pasa de ser algo secundario, non esencial e accidental. Esa
definición académica é, xustamente, o que nos diferencia e
distingue aqueles que , empregando o termo “Galeguista” como o
substantivo que ten forza real e independente, militamos no
Partido Galeguista.
Nós
somos un partido histórico, pero non porque nos limitemos a mirar
cara atrás ou para tempos mellores; sómolo porque estamos afincados
como seña de identidade sustantiva na milenaria Identidade Galega e
na historia de Galicia e, tamén, porque mantemos o compromiso de
traballar arreo para cambea-la historia da nosa Nación.
Hoxe os Galeguistas prantexamonos o reto de construir o
Galeguismo do século XXI, coa vocación e o obxectivo
permanente de conformarnos como a forza sociopolítica que
interprete axeitadamente as inquedanzas cidadans, que constrúa
solucions tan imaxinativas como eficaces para darlles resposta e
que, facendo honra da nosa case centenaria historia, sexa capaz de
deseñar as liñas de traballo novidosas que Galiza necesita para a
súa emancipación.
Xa que
logo, o Partido Galeguista é unha organización política de
mulleres e homes que teñen por obxectivo erguer a Galicia ata
situala en pé de igualdade cos pobos europeos máis desenvolvidos.
Nós, os
Galeguistas, entendemos que Galicia, como nación histórica
europea e tamén como expresión sociopolítica da irmandade universal
que conformamos os galegos espallados polo mundo, demanda unha
renovación da teoría e da praxe política que redeseñe os puntos
referenciais de calquera acción que interprete, administre ou
reivindique os seus dereitos lexítimos como nacion participativa,
soberán e diferenciada tanto da Unidade Europea como do Estado de
Dereito definido pola Constitución do 78, baixo a denominación
xenérica de España, que implicitamente recoñece e debe de protexer
os diferenciais da nosa IDENTIDADE como pobo, da nosa cultura
e tradicións, do noso idioma e das institucións que representan e
expresan, sociopolítica e administrativamente, tanto os intereses
como os lexítimos e históricos dereitos dos cidadáns galegos e, por
extrapolación, do concepto nacional que reside no pobo galego e
debe de expresarse polo medio dos seus órganos constitucionais
representativos.
O
noso VIII Congreso supón un punto de inflexión na conquista, o mais
axiña posible, dos devanditos obxectivos. Defenderémo-los intereses
das galegas e galegos en tódolos ámbitos de actuación convenientes,
mediante a elaboración e a execución de estudios, programas, e
demais traballos que posibiliten a conquista dos maiores niveis de
desenvolvemento económico, social, e cultural, das xentes dos
lugares, parroquias, aldeas, vilas e cidades tanto dos que residan
dentro dos territorios históricos da Galicia como daqueles que
estén en outros países ou estados da península Ibérica, Europa,
América e o resto do mundo.
Queremos que a mensaxe galeguista chegue ós cidadáns do único xeito
xenuíno que ten de manifestarse: a través do Partido Galeguista;
e para iso traballaremos sen desmaio e executarémo-las formas de
actuación política máis idóneas e axeitadas, principiando pola loita
para acada-las cotas de autogoberno que precisámo-los galegos para
podérmonos desenvolver como pobo diferenciado que somos, cousa que
compatibilizaremos cun traballo concertado e solidario co resto dos
pobos. Somos e seremos, cada vez mais, a opción política capaz de
garantir a máxima capacidade operativa e decisoria para o goberno
galego, sen caer en sinerxías excluíntes nin illacionistas;
unha
opción, en definitiva, que sexa capaz de interpretar axeitadamente o
concepto da IDENTIDADE GALEGA e, como consecuencia inmediata,
ter unha visión estadista da política, tanto a nivel de
Estado como da Unidade Europea e internacional. O que está claro é
que, para construír a Galicia que queremos, temos que participar
decidida e comprometidamente no redeseño da contorna administrativa
e política que está agora vixente; sempre desde perspectivas nas que
a irrenunciable e decidida defensa dos nosos dereitos históricos
sexan unha garantía de solidariedade e traballo en común con outros
pobos e territorios cos que temos moitos séculos de historia
compartida.
Xa que
logo, declarámo-la nosa vontade de participar e colaborar nas
actividades políticas galegas, do Estado Español e de Europa, pra
axudar á mellor gobernación posíbel de Galicia, das Españas e da
Comunidade Europea, no marco do Estatuto de Nacion Histórica de
Galicia e dos marcos Constitucionais que, tanto no presente coma no
futuro, conten co respaldo democrático dos cidadáns e dos poderes
galegos, como normas básicas que garanten o noso dereito ó
autogoberno, cousa esta que constitúe unha xustificación senlleira
pra razón de ser do Partido Galeguista. Soamente así, coa
creación dun instrumento político destas características, acadaremos
os galegos as cotas de benestar que nos corresponden polas nosas
tradicións, polas nosas potencialidades, e polas nosas capacidades.
Para o
Partido Galeguista a IDENTIDADE é unha igualdade que,
independentemente do valor das variábeis que conteña a súa
formulación, pode verificase sempre. Xa que logo,
cando os Galegos falamos de “sinais de identidade”
exteriorizamos unha reflexión, tanto semántica como social, que
reflexa unha realidade absolutamente tanxible: o conxunto de
sentimentos subxectivos, dereitos históricos e accións comúns que
derivan na idea de pertenza a unha colectividade coa que nos
identificamos e, tamén, a unha contorna na que queremos participar
en pé de igualdade.
Como
cidadáns da Galicia a nosa IDENTIDADE NATURAL, por dereitos
lexítimos, é a de Galegos; a ela nos debemos e con ela temos
compromisos persoais e xeracionais, que están por riba de calquera
circunstancia puntual ou do período da historia no que nos toque
vivir. Desde esa concepción temos o dereito de traballar, con
accións tanto sociopolíticas como culturais ou empresariais, para
facer efectivos ós instrumentos e institucións que doten a Galicia
de poder executivo e administrativo indiscutiblemente propio;
exactamente o mesmo dereito que nos lexitima para constituírnos en
axentes activos, desde perspectivas de solidariedade e harmonización
renovadora, no deseño do marco, que actualmente está vixente, das
contornas inmediatas conformadas por España e a
Unidade Europea.
O
Partido Galeguista considera que é imprescindible aceptar que a
UNIDADE EN DIFERENCIA é un concepto sociopolítico moito máis
acorde coa realidade actual europea e do Estado Español xa que, como
queira que esas “diferencias” consisten en sentimentos de
identidade subxectivos, é totalmente imposible que se impoñan outros
conceptos contra vontade e, a medio ou a longo prazo, calquera
imposición remata en situacións de confrontacións innecesarias. Xa
que logo entendemos necesario pechar de xeito substancial a etapa
chamada “transición”, reestructurando, revisando e
actualizando o que sexa necesario para optimizar e darlles sentido
tanto as institucións como as realidades políticas das que xorden os
distintos marcos constitucionais e estatutarios, na procura dun
nivel de representatividade e actuación estatal e internacional que
sexa o reflexo da cohesión interna xerada por un modelo de estado
con poderes compartidos e delegados, baseado no diálogo,
na convivencia pacífica, na solidariedade e no respecto ás
respectivas capacidades executivas e administrativas dos diferentes
territorios e nacionalidades que libremente deciden constituílo. Na
práctica,
os Galeguistas pensamos que é necesaria unha
importantísima e urxente revisión dos conceptos que tradicionalmente
veñen constituíndo a teoría e a praxe política, tanto nas formacións
estatais como naquelas que abandeiran a defensa dos dereitos de cada
territorio; ámbalas dúas opcións deben asumir un rol estadista
equilibrado e solidario xa que non é de recibo que se instale
unha crise permanente de competencias entre o estado e as
nacionalidades ou os territorios autónomos porque, sen xénero algún
de dúbidas, ese clima de confrontación impide que haxa garantías de
poder executivo real para uns e outros no futuro.
O
Partido Galeguista está preparado para asumir os mesmos retos de
modernización da teoría e da praxe política que, desde o trinta e
un, ven impulsando; é tempo de asumilo reto e a tarefa de pór sobre
a mesa un perfil ideolóxico e unha filosofía política eficaz e
aplicable, que combine a acción territorial co sentido estadista
necesario para afrontalos tempos que nos toca vivir.
Constituímos pois un instrumento para a afirmación nacional de
Galicia, para a defensa da súa identidade, e para afondar no dereito
histórico ó autogoberno, polo que definímo-la nosa organización
coma a opción política galeguista e dos galeguistas, é dicir:
nacionalista, democrática, progresista,
europeísta –traballaremos por unha Constitución Europea
que respecte os dereitos historicamente lexítimos dos distintos
territorios e Estados-, que asume como reto político amosar
capacidade de diálogo coas demais forzas políticas e sociais e
manter unha exemplar práctica de política de proximidade cos
cidadáns e axentes sociais, e que recolle os valores
humanistas de tradición occidental cunha clara aposta polas
liberdades civís.
En
definitiva, as finalidades denantes descritas, que se poderían
resumir como o devezo por realizarmos un amor infinito por Galiza,
son a razón de ser da opción política do PG. Unha opción que,
investida do máximo grao de tolerancia, actuará cun exquisito
respecto as ideas dos demais, mesmo coa práctica política da maior
concordia posíbel, exercitará o afondamento na democracia, na
liberdade, na xustiza, na solidariedade, e na defensa dos dereitos
humanos, ata que consigamos unha Galicia na que tódalas súas
mulleres e tódolos seus homes perciban que poden aspirar, con plena
liberdade, a construír un proxecto de felicidade individual e
colectivo. |